Os cines de Compostela.


A partires deste martes 5 de novembro poderase ver a exposición documental Os cines de Compostela. Fotogramas da nosa historia, producida dende o Departamento de Centros Socioculturais para o programa Compostela Cine Classics 2013. Estará no CSC das Fontiñas ata o 30 de novembro.


Esta exposición, unha das actividades mais atractivas do programa Compostela Cine Classics deste ano, fai un percorrido sentimental pola historia de Santiago no século XX, a través dos seus cines e as súas xentes. Co obxectivo de achegar aos visitantes unha parte da intrahistoria da cidade con testemuñas de veciños e veciñas en torno ao cine e as salas de proxección como lugares de encontro e relación, pretendese tamén render unha homenaxe a este feito social que para todos é entrañable e próximo. A mostra conta con variados elementos, organizados en paneis informativos despregables; vitrinas con obxectos de coleccións particulares sobre a historia dos cines da cidade,; mapa dos "cines ausentes" de Santiago; colección de proxectores antigos de distintos formatos; vitrina con alimentos que se consumiron no cine ao longo de sete décadas; ou proxeccións audiovisuais como a dos testemuños dos veciños e veciñas e persoas da cultura de Santiago sobre os cines, ou a da primeira das versións fílmicas (cine mudo) rodada a partir da novela de La Casa de la Troya (Alejandro Pérez Lugín, 1925).

Cartace do CINE CAPITOL: DEFIÉNDETE CALLAGHAN / EL ÚLTIMO TREN DE GUN HILL. Imprime: Rivera, Santiago de Compostela. 1961
Para completar esta exposición, organizouse tamén un faladoiro co título Santiago e os seus cines o xoves 14 de novembro, ás 20:00 horas, no mesmo CSC das Fontiñas. Será un pequeno repaso pola nosa historia a cargo de Jesús Ángel Sánchez García, profesor titular da USC e coautor do volume Os cines de Galicia. A entrada será libre ata completar o aforo.

Comentarios